|
Xosé Luis Latas Vilanova recibiu onte o Premio Artesanía de Galicia, dotado con 10.000 euros, pola elaboración dun "punteiro afinable" para a gaita, realizado en colaboración co músico Pepe Vaamonde. O xurado do galardón, convocado pola Consellería de Innovación e pola Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño, destacou a aplicación de solucións prácticas para conseguir melloras na interpretación e na adaptación da gaita ós novos públicos e facilita a aprendizaxe e a práctica deste instrumento, "unha das iconas máis destacadas e paradigmáticas da tradición musical de Galicia". A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, que presidiu o acto de entrega dos galardóns, anunciou que Galicia contará desde o ano que vén cunha feira internacional especializada, informou a Consellería de Innovación. Trátase da Mostra Internacional de Artesanía de Galiza (MOA), cuxa primeira edición se celebrará en febreiro de 2009 e "nace co obxectivo de ser un espazo de exposición da parte máis creativa do sector, protagonizado polo produto artesanal de alta calidade". O 'punteiro afinable' está formado por cinco partes móbiles e independentes e a súa lonxitude pode ser modificada polo gaiteiro en función das súas necesidades para conseguir a afinación desexada. Entre as vantaxes deste mecanismo está a posibilidade que ofrece aos aprendices gaiteiros porque, sen necesidade de dominar o instrumento, tocarán melodías sen ningunha nota discordante. Outra das vantaxes serán ás facilidades que supón para os profesionais ao non ter que inverter tempo en corrixir os desaxustes sonoros e solucionar con "rapidez" os problemas de afinación da gaita tradicional. O punteiro presentouse públicamente no Museo do Pobo Galego e contou co apoio, entre outros, dos gaiteiros Pepe Vaamonde e o seu irmán Suso, Xosé Manuel Budiño, Iván Costa, Edelmiro Fernández, Brais Monxardín, Anxo Lois Pintos, Bruno Villamar e Xosé Manuel Budiño. Parabens para Lis e para Pepe! Deixa un comentario (2 Comentarios) |